|
O xénero é unha propiedade propia dos substantivos xa que todos eles posúen morfema de xénero, masculino ou feminino. Pola contra, o adxectivo non ten xénero de seu, senón que concorda co substantivo ao que acompaña.
Nos seres animados o xénero é natural, pois baséase no sexo, mentres que nos seres inanimados ou conceptos abstractos o xénero é gramatical. Así distinguiremos: |
|
Substantivos sen oposición de xénero
Os substantivos de xénero único non presentan correspondencia entre sexo e xénero, senón que son masculinos ou femininos dun xeito arbitrario, sen unha razón concreta (xénero inmotivado). Ademais, este xénero adaptouse de maneira diferente nas distintas linguas románicas, de aí que moitas palabras non coincidan na adscrición de xénero. No caso do galego, isto xera moitas incorreccións debido á interferencia do castelán.
Substantivos con oposición de xénero
Nestes substantivos a flexión corresponde a diferenzas de sexo (macho/femia) e normalmente presentan unha forma para o masculino e outra para o feminino. Esta flexión márcase xeralmente cos morfemas "o" para masculino e "a" para feminino e os seus alomorfos ("e", "u" / "á") aínda que tamén pode levarse a cabo con outros mecanismos (morfemas derivativos, palabras diferentes...)
Casos especiais
Ás veces, a flexión de xénero non responde a unha oposición de sexo, senón que a oposición pode implicar diversas diferenzas de significado: individual/colectivo, grande /pequeno...
Outras veces, substantivos homónimos diferéncianse só polo xénero. Tamén cómpre revisar as terminacións de moitos nomes que, por interferencia do castelán, se identifican co xénero incorrecto. |